Ola! Son Carme, nacín o 23 de xaneiro de hai 26 anos e vivo entre Cee, onde teño a familia e o traballo, e Santiago de Compostela, onde teño amigos, amor e traballo tamén.
O meu número preferido é o 23. A miña cor preferida é o verde. Inspíranme as rochas prehistóricas e os ovos dos dinosauros. Teño un can que se chama Guille; paseando con el ocórrenseme ideas e historias que logo uso dentro do taller.
Este proxecto leva o meu nome porque tamén son eu. Son ceramista, fago obxectos útiles e inútiles que nacen de maneira case sempre intuitiva. Cando comezo unha peza nova dende cero, nunca sei ben que vai ser nin como vai rematar. Un apretón máis forte ou máis suave, un leve derrubamento da peza ante o seu propio peso… O material e mais eu imos respondendo ante as cousas que nos presentan a vida e mais o tempo, a humidade, a temperatura e a superficie sobre a que se traballa.
Nesta páxina presento os resultados destes procesos e destas historias para que continúen, para que os xarróns se enchan de flores nas casas da xente, as cuncas amenicen as festas e dos pratos coman os nenos.